INTRODUCCIÓN

 

Estase a vivir un momento de gran interese pola intelixencia emocional así como polas habilidades sociais das persoas, de cara a adquirir e mellorar as competencias propias. En contraposición á intelixencia racional, que é a capacidade de razoar e de manexar datos e información de forma eficaz e eficiente, a intelixencia emocional refírese á capacidade para xestionar as emocións, os sentimentos e os rasgos da personalidade para que traballen no propio beneficio de cara a obter mellores resultados académicos, profesionais e persoais.

O interese da intelixencia emocional e social, dende un punto de vista educativo, contribúe ao desenvolvemento integral dos individuos, e dirixe a súa acción cara á mellora do benestar -individual e grupal- e á convivencia pacífica. De feito, a educación emocional está a ser unha das chaves para potenciar os recursos adquiridos a través da educación formal.

Tomando isto en conta a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago de Compostela (Alumni USC), xunto co Instituto de Ciencias da Educación da USC (ICE) considera pertinente promover a celebración dun foro de educación emocional e social, no seu afán de servir aos seus socios e socias, así como a toda a comunidade universitaria.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

 

Esta acción formativa é de interese para todas as persoas que queiran desenvolver as súas competencias emocionais e sociais para mellorar o seu desenvolvemento persoal e profesional. Pero está especialmente recomendada para docentes de calquera nivel educativo e persoas que están a iniciar ou a piques de iniciar a súa carreira profesional, e dicir recén titulados e tituladas, estudantes de posgrao e dos últimos anos de grao.

 

OBXECTIVOS FORMATIVOS

 

  • Adquirir un mellor coñecemento das propias emocións para xestionalas adecuadamente.
  • Coñecer e desenvolver estratexias de regulación emocional e adquirir ferramentas de aplicación na esfera persoal e profesional
  • Desenvolver a habilidade de automotivación de cara a obter mellores resultados no eido profesional e persoal.
  • Desenvolver capacidades de liderado persoal para mellorar o desenvolvemento profesional.
  • Fomentar o autocoñecemento, a responsabilidade e o desenvolvemento da auto estima e unha actitude positiva ante a vida, centrándose nas propias fortalezas.
  • Coñecer ferramentas e desenvolver habilidades de interrelación e de comunicación para afrontar as situacións diarias e mellorar as habilidades sociais.
  • Saber escoitar e desenvolver a capacidade de comprender as emoción das outras persoas e de poñerse no seu lugar. Empatía
  • Todos estes coñecementos, habilidades e competencias contribúen á mellora do benestar persoal o dos que nos rodean, redundando nunha mellor relación coa comunidade, traballando ferramentas para mellorar a convivencia nas diferentes contornas

 

FORMATO E METODOLOXÍA

 

A actividade formativa consta de oito obradoiros a desenvolver nunha xornada de 8 horas. Celebrarase o 30 de setembro de 2017, en xornada completa. A previsión de aforo é de 40 persoas por obradoiro, o que supón que poden participar no foro ata un máximo de 160 persoas. A metodoloxía da actividade consiste en exposicións teóricas e explicacións, simulacións, dinámicas e dramatizacións, así como discusións e debates, co obxecto de tomar conciencia das influenzas dos contidos socioculturais, tanto nas actitudes e pensamentos como nos comportamentos. Proporanse situacións que requiran por parte dos participantes de reflexión, argumentación e interacción, posibilitando o adestramento en habilidades para a comunicación e a relación interpersoal. Procurarase a creación de hábitos de traballo cooperativo e reflexivo.

Tomando como punto de partida os coñecementos previos das persoas participantes, crearase a oportunidade de reflexionar sobre o mundo que nos rodea a través de exemplos estimulantes e coherentes coas súas propias vidas. Esta é unha metodoloxía participativa e motivadora, centrada na persoa, aínda que con un enfoque grupal e dinámico. Así, procurarase a creación dun ambiente de respecto, integración e confort dentro do grupo, onde amosarse de forma auténtica e coherente, para a adquisición de aprendizaxes útiles para a vida e o benestar, aprendizaxes transformadoras e inspiradoras.